Memoria, crítica social e risa, no ciclo teatral de colectivos renomeados que vai ás Pontes

Todos os venres de outubro, o auditorio municipal Cine Alovi acollerá distintas representacións teatrais que estarán a cargo de compañías galegas tan recoñecidas como Morraoconto, Sarabela, Ibuprofeno e Chévere. Con esta iniciativa, o Concello das Pontes pretende achegar esta arte á cidadanía por medio das pezas que se levarán a escena: espectáculos que convidan á reflexión, á lembranza e tamén a mirar a realidade contemporánea con outros lentes.
Esta programación pon a disposición, cun prezo simbólico de cinco euros por entrada, catro propostas escénicas que comparten tanto a mestura das súas linguaxes como as temáticas, entre as que se poden atopar exemplos como a memoria histórica, a crítica social, a emoción persoal e a reivindicación feminista. As funcións darán comezo ás 20.30 horas.
O espectáculo que estreará os encontros, “Tromsø”, da compañía compostelá Morraoconto e asinada por Rafa Martínez, vén de representarse no Galicia Escena Pro e chegará ás Pontes o venres 10 de outubro. A través desta obra, o público emprenderá unha viaxe poética e épica que trata, con humor, a perda e o silencio que provoca a morte.
Para a seguinte semana, o día 17, a peza elixida é “O Dragón de ouro”, unha adaptación da peza de Roland Schimmelpfennig traducida por Catuxa López Pato para o grupo Sarabela Teatro, que dirixe Ánxeles Cuña Bóveda. Neste caso, as temáticas son a imigración, a identidade e as desigualdades sociais, que se relatan a través dunha potente dramaturxia contemporánea. Trátase dunha proposta de historias cruzadas, persoais e colectivas, que se ambientan nun restaurante de comida rápida tailandesa-china-vietnamita.
Acadada xa a metade do programa, o venres 24 chegaralle o momento á compañía Ibuprofeno Teatro, que ten previsto exhibir “Reconversión”, un espectáculo de gran formato no que participan oito actores, que ao mesmo tempo son músicos. As melodías en directo son un dos grandes atractivos da proposta, que dá a coñecer unha historia baseada en feitos reais na que se rememora a reconversión industrial na ría de Vigo por medio das experiencias dun traballador do estaleiro. Esta obra, entre a intimidade e a política, gañou o premio do público na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia deste ano.
Para rematar, o 31 de outubro representará Grupo Chévere “As Fillas Bravas de Momán”, a peza coa que obtivo o Premio do Público Adulto 2025 na Mostra de Teatro Galego de Cariño. Esta peza músico-teatral, inspirada no cancioneiro e tamén contada en lingua de signos, reivindica o papel das mulleres na cultura popular e fala de sexualidade.
Os pases para asistir ás funcións pódense adquirir na web aspontessacatuentrada.es.